GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

O equipo cadete da un paso importante de cara ao ascenso a Liga Galega, quedando líder con dous puntos de vantaxe na clasificación da fase de ascenso norte.

O partido empezou con ritmo favorable para os locais, que lían as súas vantaxes en ataque e aproveitábanse do nerviosismo dos obradoiristas que fallaban moitos tiros cómodos preto de canastra, e poñían o primeiro parcial de 11-0.

Tras tempo morto, o Cenor - Obradoiro púidose recompoñer e recortar distancias (11-7) pero os fallos en lanzamentos cómodos e tiros libres seguían e chegaban ao descanso cunha desvantaxe de 13 puntos no marcador (29-16).

Na segunda parte, os de Camilo demostraron que non se renden ante as adversidades e saíron a buscar o partido con moito carácter. Continuaron coa defensa intensa alternando individual con zona press en media pista que confundía e atrancaba ao Basquet Coruña que só intentaba tiros de 3 puntos sen éxito e, tras rebotes, buscaban agresivos atacar o aro rival, dominando e impoñendo o ritmo do partido, e por medio de canastras de transición ofensiva e tiros libres ir recortando a diferenza no marcador.

Non foi ata a última posesión tras tempo morto, con 6 segundos no reloxo de partido e 1 punto abaixo no marcador, que no último segundo conseguían a canastra que os poñía un punto por encima para culminar unha gran remontada (47-48).

Os parciais de cuartos foron 13-7, 16-9, 8-18 e 10-14.

Vitoria importantísima que demostra o carácter e unión deste equipo que loitaron todos xuntos ata o último segundo do partido.

O próximo partido será o domingo 28, ás 12:00 horas, en Lorenzo La Torre, onde os obradoiristas recibirán ao Be One Ribadeo no primeiro partido da segunda volta desta liguiña.