GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

O Obradoiro-Peleteiro caeu derrotado en Fontecarmoa contra o Sigaltec nun encontro de refachos (68-59).

O primeiro cuarto comezaba cun Sigaltec moi intenso e cun Obradoiro-Peleteiro con moi baixa porcentaxe de acerto en situacións de tiros liberados. Aos poucos, o parcial íase ampliando a favor dos locais e os de Santiago non atopaban resposta, polo que acabarían o período 11 puntos por baixo (20-9).

No inicio do segundo período a diferenza ampliouse ata os dezaoito puntos, pero os obradoiristas foron capaces de volver ao choque e, a través de continuos cambios defensivos e moita máis concentración tanto en ataque como en defensa, lograron poñerse un punto por riba no marcador ao final do terceiro período.

No último cuarto a igualdade volveu ao encontro, pero as malas porcentaxes dos santiagueses nos últimos instantes fixeron que finalmente a vitoria quedase en Vilagarcía.

O Obradoiro-Peleteiro terá dúas semanas para preparar o seguinte encontro, no que se enfrontará ao Basket Coruña, para tratar de volver á senda da victoria.