GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

En liñas xerais, mal encontro dos locais nun partido no que, a pesar de levar a iniciativa no marcador en moitos momentos e de dispoñer de varias oportunidades para lograr a vitoria, nunca chegaron a mostrar a súa mellor versión fronte a un potente Estudiantes de Lugo.

O encontro comezaba co ritmo marcado polos visitantes, sen apenas ataques posicionais e con rápidas transicións por ambos conxuntos que resolvían con maior precisión os de Lugo. As alternancias nas defensas zonais dos visitantes incomodaban ao Obradoiro-Peleteiro que non lograba atacar con fluidez de forma prolongada. Pese a todo, a igualdade foi a tónica de toda a primeira parte, chegando ao final da mesma cun 36-37 no marcador.

A volta de vestiarios os locais saíron cas ideas moito máis claras, logrando controlar o ritmo do encontro e, a través de moi boas defensas, lograron unha renda de dez puntos ao seu favor. Pero xusto cando mellor se atopaban na pista os locais, o Estudiantes de Lugo foi capaz de contestar con dúas triplas case consecutivas para baixar de novo as diferenzas.

No último cuarto o Obradoiro – Peleteiro comezou cunha boa circulación de balón e unha forte presión defensiva pero, pouco a pouco, foise precipitando en cada ataque e cometendo constantes erros defensivos que permitiron aos visitantes remontar o encontro no último minuto e levarse unha merecida vitoria por 69-76.

Dura derrota para o Obradoiro – Peleteiro que terá que corrixir os erros deste encontro e recuperar o seu mellor nivel para volver a senda do triunfo este próximo martes as 21:00 horas fronte o Blanco Amor no pavillón de Montouto.