O Obradoiro-Peleteiro pecha o ano con dúas novas vitorias (72-63 e 65-71)
O pasado domingo chegaba a Montouto uno dos equipos máis duros da competición, o C.B. Tui que viña de gañar na anterior xornada ao Sigaltec de Vilagarcía. Todo o gran traballo defensivo otorgoulles no segundo período aos locais unha renda que a longo prazo sería definitiva.
Comezaba o encontro con ambos os equipos tratando de aproveitar as súas vantaxes, e así os visitantes sumaban constantemente a través do seu xogo interior. Con todo, xa nos últimos minutos do parcial, os obradoiristas comezaron a lograr pechar o seu aro para anotar ao contraataque e lograr as primeiras vantaxes no marcador.
No segundo cuarto o nivel defensivo dos locais continuo subindo e, grazas aos constantes roubos en liñas de pase, endosaron un parcial de 23-11 que lles permitía poñer a máxima diferenza.
Con todo os visitantes non baixarían os brazos en ningún momento, axustando minuto a minuto o resultado ata volver entrar no encontro nos últimos instantes. Neste momento o Obradoiro-Peleteiro foi capaz de manter a cabeza fría e levar un meritorio triunfo no seu campo por un 72-63.
Non houbo moito tempo para o descanso xa que aos dous días o Obradoiro-Peleteiro visitaba a pista do Instituto Rosalía, un dos equipos chamados a encabezar a clasificación. Un encontro de igual a igual no que os obradoiristas foron capaces de controlar o ritmo do partido para levar a vitoria por 65-71.
Do mesmo xeito que sucedera no último encontro, nos primeiros dez minutos a igualdade foi a tónica xeral. Os locais dispuxeron dun pequeno parcial de vantaxa nestes instantes grazas ao seu acerto desde o tiro libre pero o Obradoiro-Peleteiro conseguiu manterse no encontro grazas á súa boa circulación de balón.
Xa no segundo período os visitantes comezaron a impoñer o seu ritmo de xogo, aínda con moitos problemas para dominar o rebote defensivo pero a súa boa lectura das vantaxes en cada ataque unido á súa calidade defensiva no un contra un permitíalles irse cinco puntos arriba ao descanso.
Á volta de vestiarios a dinámica mantívose. A renda ampliábase ata os dez puntos de diferenza pero, nese momento, os locais comezaron a alternar unha zona presionante cunha defensa zonal a media pista para tratar de bloquear o ataque obradoirista e ter máis opcións de saír ao contraataque. Con todo, e pese ao gran nivel competitivo do Instituto Rosalía, o Obradoiro-Peleteiro foi atopando solucións ás alternativas defensivas que se atopou o que, unido á calma e seguridade nos últimos instantes, permitiulles lograr unha importantísima vitoria por 65-71 nunha das canchas máis complicadas da competición.