GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

Os obradoiristas atoparon na súa visita a Lugo a un rival tremendamente serio durante os corenta minutos e que, grazas a continuos cambios nas súas defensas e un gran acerto, foron capaces de dominar o electrónico durante boa parte do partido e obrigar aos de Santiago a realizar o seu máximo esforzo para poder levar a vitoria por 76-80.

O encontro comezou cun intercambio de golpes entre ambos os conxuntos, o Obradoiro-Peleteiro tiña claro como atacar a zona local e conseguía tiros moi cómodos no inicio do partido que se traducía en tres triplos nos primeiros minutos. Con todo, o poderío na zona permitía aos locais manterse no choque e ir adquirindo as primeiras rendas.

Durante o segundo cuarto a tónica non cambiaría: os de Santiago anotaban a refachos ao dispoñer de numerosos lanzamentos abertos pero seguían sen lograr controlar o tempo do partido. Ata case o final do terceiro período parecía que o ritmo era local pero os constantes cambios defensivos entre diferentes tipos de defensas zonais, unido a un gran acerto de fronte ao aro e ao gran nivel de faltas persoais sinaladas para ambos os conxuntos, facían que os marcadores fosen moi altos a pesar de realizar boas defensas.

Con todo, con oito abaixo a falta do últimos dez minutos, o Obradoiro-Peleteiro reaccionou. A súa presión defensiva chegou ás cotas máis altas no encontro e comezaron a provocar perdas de balón dos locais e a dificultar todas as súas posicións de tiro. A falta de dous minutos volveron poñerse por diante no marcador, pero o Cidade de Lugo non se rendería ata o último segundo, o que obrigou aos obradoiristas a manter a cabeza fría para lograr unha importante vitoria en terras lucenses por un igualado 76-80.

A próxima semana o Obradoiro-Peleteiro recibirá no seu campo, o domingo ás 17:00 horas, a un tamén complicado Culleredo que vén de vencer no seu campo ao ata agora líder da competición, o Sigaltec.

Parciais: 17-14 / 22-23 / 26-20 / 11-23.