O Obradoiro Peleteiro logra unha traballada vitoria na pista do Estudiantes de Lugo (87-89)
O pasado sábado, as 16:00 horas, medíanse no Anexo do Pazo dos deportes de Lugo dous dos equipos punteiros da competición, na visita do Obradoiro Peleteiro a Lugo.
Un encontro que estivo marcado pola igualdade en todo momento e no que os obradoiristas lograron traer para Santiago unha importante vitoria que os mantén no alto da clasificación.
O encontro comezaba con claro dominio local. Os continuos cambios defensivos dos lucenses e o gran número de faltas persoais castigaban aos visitantes. Pouco a pouco, co paso dos minutos, os obradoiristas foron entrando en partido, o seu bo traballo defensivo e unha mellor toma de decisións lograban apretar de novo o electrónico.
No segundo parcial, o Obradoiro Peleteiro comezou a encontrar mellores situacións de tiro o que, unido ao control baixo os taboleiros, permitíalles irse ao descanso cunha vantaxe mínima.
Á volta de vestiarios a igualdade mantívose durante o terceiro cuarto, ata que a mediados do último cuarto os obradoiristas eran capaces de lograr grandes minutos de xogo e lograban unha importante renda de nove puntos. Sen embargo os lucenses non se deron por vencidos e, a través de varias malas decisións dos visitantes, volvían a ter oportunidades de igualar o choque.
Finalmente o Obradoiro Peleteiro xestionou mellor as últimas posesións e certificaba unha nova vitoria dende a liña de persoal.
Os parciais por cuartos foron: 22-18, 19-24, 25-24 e 21-23.
O Obradoiro Peleteiro recibirá en Montouto o sábado, ás 10:00 horas, ao Compañía de María.