GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

O pasado sábado, ás 12:00 horas, o Obradoiro Peleteiro enfrontábase no Paco Paz a un duro rival como sempre é o Rio Ourense Termal. Nun encontro marcado polas ausencias por lesión en ambos conxuntos, a igualdade mantívose ata os derradeiros minutos, nos que os obradoiristas lograrían unha pequena renda que xestionaron para volver cunha nova vitoria.

Os locais comezaban o encontro cunha pechada defensa zonal para tratar de protexer a súa pintura, pero o Obradoiro Peleteiro mantiña boas lecturas para anotar tanto en transicións coma en xogo estático. Sen embargo, os visitantes non lograban afastarse no marcador debido ao excesivo número de tiros libres que concedían ao seu rival e as dificultades que estaban encontrando para frear as verticais penetracións dos locais.

Nos últimos minutos do primeiro período, xunto co inicio do segundo, os locais atopaban o seu mellor momento do partido –unido ao debut da súa nova fichaxe-, e atascando por momentos o ataque visitante unido a un gran acerto exterior, chegaban ao descanso cunha pequena vantaxe (36-33).

A partires do terceiro cuarto, o Obradoiro Peleteiro atopou en todo momento boas posicións de lanzamento, mantendo ademais un gran nivel defensivo que lle permitía recuperar a iniciativa no encontro. Pero os ourensáns non baixaron os brazos en ningún momento, e mantivérnose no partido en todo momento sumando puntos dende o tiro libre.

Pouco a pouco, o Obradoiro Peleteiro íase facendo co ritmo do partido e, nos últimos dez minutos, logrou manter un altísimo nivel defensivo cunha boa circulación de balón para lograr unha vantaxe de dez puntos, vantaxe que a pesar da loita dos locais, souberon xestionar para acabar gañando un importante encontro por 67-74.

Os parciais por cuartos foron: 20-20, 16-13, 17-20 e 14-21.

O próximo encontro do Obradoiro Peleteiro será en Montouto, o xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas ante o Estudiantes de Lugo, nun encontro clave no que trataran de demostrar todo o seu nivel de xogo como equipo.