GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

O partido comezou con indecisión por parte dos dous equipos, cometendo erros tanto en defensa coma en ataque. Sen embargo, despois dun tempo morto, o Cenor – Obradoiro CAB comezou a defender mellor, o que lle permitiu atacar con maior tranquilidade e ser capaces de sumar moitos puntos de contraataque para lograr as primeiras diferenzas.

O segundo cuarto continuou coa mesma tónica que o final do anterior: cunha boa defensa dos santiagueses que lles permitía lograr ata dezanove puntos de vantaxe. Pero, nos últimos cinco minutos, os obradoiristas caeron na precipitación e baixaron o ritmo defensivo, o que aproveitaron os locais para achegarse no marcador e volver entrar no encontro.

Tras o descanso, o BBCA comezou moi forte, logrando colocarse a 4 puntos pero, pouco a pouco, o xovencísimo equipo do Cenor – Obradoiro CAB logrou repoñerse e controlar outra vez o partido.

Nos últimos dez minutos a igualdade foi máxima no encontro, cunha gran dureza por parte do equipo local e un público entregado pero, a pesar de todo, os obradoiristas foron capaces de tirar de carácter e levarse un importante triunfo por 66-76.

A semana que ven disputará, o sábado as 18:00 horas en Lorenzo de la Torre, o último partido desta primeira fase que deberán gañar para lograr o pase ao grupo de loita polo ascenso á Liga EBA.

Parciais: 14-28, 21-13, 13-16 e 18-19.