GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

A Fundación Heracles, o Rio Natura Monbus Obradoiro e o Colexio Manuel Peleteiro anunciaron hoxe publicamente a firma dun convenio de colaboración, polo que diferentes xogadores de categorías base do club poderán desenvolver a súa educación no centro de estudos.

Por este contrato, as bolsas que a Fundación creará proximamente, incluída a Bolsa Terry Porter," terán o seu desenvolvemento aquí”, explicou Pepe Casal, presidente da Fundación Heracles, ao que engadiu que na selección dos subvencionados, "como sempre, os valores persoais primarán tanto ou máis que a calidade deportiva. Estudar aquí é unha garantía total e absoluta, sendo este un dos mellores colexios de España no que se respira baloncesto, pero sen esquecer unha perfecta formación académica".

Luis Peleteiro, director do colexio santiagués, declarou que "o colexio Manuel Peleteiro e o Rio Natura Monbus Obradoiro, ademais de ser proxectos que nacen case ao mesmo tempo, están vinculados historicamente mediante persoas como Carlos Lamela, Jorge Peleteiro, Pepe Casal ou os propios Moncho Fernández e Gonzalo Rodríguez Palmeiro, que dalgún xeito ou outra están enlazados con ambas as dúas entidades".

Pola súa banda, Luis Rilo, responsable de baloncesto na Agrupación Deportiva Peleteiro, explicou que o obxectivo desta unión asinada de momento por dúas tempadas, é "tender unha ponte entre as entidades asinantes e quen sabe se no futuro conseguir algún xogador para a Liga Endesa", aventurou.

Os beneficiarios deste acordo serán principalmente nenos de categoría júnior, por considerar esta "a idade máis adecuada para iniciar este tipo de compromiso". O colexio recibirá a cambio diversas contraprestacións do club de Liga Endesa, como por exemplo un 5% de desconto no prezo dos abonos -acumulable a calquera desconto existente- para profesores, adestradores, alumnos e pais.

Tras a presentación da parte máis técnica, chegou a quenda de Moncho Fernández, que preguntado polos alumnos do Club de Prensa do colexio encargados do diario interno "Vamos", afirmou a súa "extrema felicidade por estar aquí, onde estudei e adestrei antes de ser profesional".

Ademais, o adestrador recalcou que "sempre que falo de canteira falo de tempo e medios, e aquí xúntanse as dúas cousas. Hai poucos sitios onde vaiamos encontrar as instalacións de primeiro nivel e o ensino de calidade que hai aquí. A base sobre a que se asenta a nosa canteira suma hoxe máis calidade, e é difícil encontrar piares mellores que estes".

Os escolares tamén compartiron charla con Adam Waczynski, xogador presente na comparecencia, que recalcou a importancia de combinar axeitadamente os estudos académicos e a actividade deportiva, así como a comunicación directa entre estes dous axentes.