GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

O primeiro Amigo da Fundación Heracles gozará de todas as vantaxes desta figura na renovación do seu abono

O Rio Natura Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles gozan xa dos froitos da súa colaboración cos primeiros Amigos da Fundación Heracles. Os doadores, que colaboran así coa promoción do baloncesto de base, gozarán ademais duns grandes descontos no abono ao club nas próximas tres tempadas.

Juan José Isorna foi a primeira persoa que decidiu implicarse nesta iniciativa, realizando unha achega: “Paréceme unha labor social interesante para o futuro do club, porque ademais supón a promoción do baloncesto na cidade. Fundamentalmente coa promoción do baloncesto de base, tema co que creo que estou bastante sensibilizado", explica.

Ademais dese desconto de 50 euros en cada tempada das tres seguintes, Juan José Isorna non terá suba do prezo do abono durante este tempo. Tamén gozará de convites durante os tres seguintes cursos, preferencia á hora de adquirir os abonos da Copa do Rei 2016 e transporte gratuíto para esta dende Compostela, entre outras vantaxes.

O xa actual abonado do club cre que "das axudas que ten a achega á Fundación Heracles, me importou principalmente o tema económico, sobre todo á hora da rebaixa do aboamento. Tamén no resto de vantaxes, as cales vexo moi interesantes: a dedución na Renda, convites para poder regalar amigos, etc".

Juan José Isorna, que espera a saída da Campaña de Abonados para completar o proceso renovando o seu abono, tamén confía en que este novo ano axude a que poidamos ver baloncesto de nivel durante moito tempo en Santiago: "Deportivamente espero que o Rio Natura Monbus Obradoiro logre consolidarse en Liga Endesa, e de cara aos novos retos como son a Copa do Rei, que teñamos unha presenza digna e que sirva para a promoción do club en Galicia e no resto de España", aventurou.

Todo aquel que queira facerse Amigo da Fundación Heracles poderá completar o sinxelo proceso en oficinas, informándose de como o seu abono lle pode saír mesmo gratis, ou mediante a páxina web www.fundacionheracles.org.