GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

O ex adestrador axudante do Laboral Kutxa Baskonia, no III Clínic Unika "Desmontando o adestrador axudante"

O III Clínic Unika "Desmontando o adestrador axudante" segue cos seus preparativos para que o 11 e 12 de xullo todos os asistentes poidan gozar das mellores leccións técnicas e tácticas, impartidas por adestradores de primeiro nivel internacional.

É o caso de José Ramón Cuspinera, máis coñecido como Jota Cuspinera, que centrará o seu relatorio en "Como adaptarse a diferentes adestradores xefe". Cuspinera pasou máis de 15 anos no actual Movistar Estudiantes, ata que, da man de Pepu Hernández, decidiu dar o salto ao equipo nacional e á súa canteira.

Tras esa experiencia pasou cinco anos no Real Madrid e a última tempada foi adestrador axudante no Laboral Kutxa Baskonia, do cal se despediu recentemente para buscar novos retos na súa carreira.

Que espera do III Clínic Unika "Desmontando o adestrador axudante"?
Sempre trato de escoitar e aprender de todo aquel que me fala. Sei que nestas situacións, as conversacións xa non só no propio Clínic, senón o resto de momentos informais coas persoas que asisten, son moi enriquecedoras. Son unha persoa á que lle gusta ir coa mente moi aberta para escoitar, aprender e absorber. Estou convencido de que me levarei unha experiencia positiva de aprendizaxes.

Sobre que falará na súa charla do III Clínic Unika "Desmontando ao adestrador axudante"?
Intentarei achegar a miña experiencia, compartir o que aprendín durante estes anos de adestrador axudante traballando con diferentes adestradores xefe. E ademais, aprender todo o posible do resto de conferenciantes.

Estivo en varios nos últimos anos. Cambia moito o traballo dun adestrador axudante dun sitio a outro?

Si cambia dun adestrador xefe a outro. Cada técnico esixe aos seus axudantes cousas moi distintas e mesmo ten métodos e límites diferentes de participación, de aceptación de opinión e demais. É o que realmente diferencia a uns doutros, o como che asignan funcións distintas e como se relacionan contigo, o tipo de responsabilidade que che dan. Hai moitos factores, e iso é o que quero compartir coa xente que veña ao Clínic a escoitarnos.

Nos últimos anos estiveches de adestrador axudante pero, por exemplo, en Movistar Estudiantes pasaches por varios postos, como técnico xefe de equipos de canteira. Hai moita diferenza entre uns postos e outros?
Si, creo que hai particularidades bastante diferentes. A principal é que no posto de adestrador axudante ti estás parapetado detrás da imaxe doutro. Co cal, a tensión coa que podes vivir un partido non ten nada que ver coa que vives se ti es esa primeira imaxe. Aínda que eu me sinta igual de responsable da derrota ou da vitoria, se son axudante o que vai saír nos medios non vou ser eu, senón o adestrador, que se levará os eloxios e as reprimendas. Iso, evidentemente, fai que vivas o día a día dun xeito moi distinto nunha posición que noutra, como digo, por moi responsable que te sintas do que está a pasar e empatices totalmente co teu compañeiro.

Tamén cambia á hora de tomar decisións?
Evidentemente. Probablemente un adestrador axudante asuma máis riscos que un adestrador xefe, porque este último á fin e ao cabo é quen terá que asumir a máxima responsabilidade do éxito ou o fracaso desas decisións, e polo tanto, as valorará máis.

Este ano estivo en Laboral Kutxa Baskonia e agora decidiu deixar o seu posto. Vai seguir sendo adestrador axudante ou intentará dar un salto?
Aínda que vou falar do adestrador axudante, precisamente saio doLaboral Kutxa Baskonia porque necesito volver adestrar. Se é porque alguén me dá a oportunidade de facelo en elite, perfecto. E se, non ao mellor, postúlome para adestrar un equipo de canteira, pero necesito volver ser xefe e facer un pequeno parón na miña carreira de axudante.

A inscrición para o III Clínic Unika "Desmontando o adestrador axudante" segue aberta. O prezo é de 30 € (20 € para federados da FGB ou abonados do club) e pode realizarse enviando o formulario, xunto o xustificante de pagamento en ABANCA ES92 2080 0375 1130 4001 6453, ao correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou nas oficinas do club (Multiusos Fontes do Sar - Rúa Diego BernalS/N).

Xunto a Jota Cuspinera estarán outros cinco adestradores axudantes de elite: Jenaro Díaz (adestrador axudante do Khimki BC – Super League Rusia); César Rupérez (adestrador axudante do Shanxi Xing Rui Flame – WCBA liga feminina chinesa);  Federico Perego (adestrador axudante do Brose Baskets Bamberg – Bundesliga alemana); Ángel Sánchez Cañete (adestrador axudante do Unicaja Málaga – Liga Endesa) e Jesús Sala (adestrador axudante do Montakit Fuenlabrada – Liga Endesa).