GK Creativity - шаблон joomla Скрипты

Intenso domingo de baloncesto o que se disputou onte na vila de Noia, con ata catro encontros para poñer peche a Copa Galicia Junior masculina desta nova tempada 2017-2018.

A xornada comezou coa semifinal entre o Instituto Rosalía e o Tui Seta, encontro no que pese ao esforzo e a loita dos santiagueses durante todo o encontro acabarían sendo os do sur de Galicia os primeiros clasificados para a final da Copa Galicia ao levarse a vitoria por un contundente 57-87.

Na segunda semifinal foi a quenda para o Obradoiro – Peleteiro que se enfrontou ao Estudiantes de Lugo, nun encontro que se prevía de máxima intensidade. Logo duns minutos de nervios por parte de ambos conxuntos, os santiagueses fixéronse co ritmo do partido tras un tempo morto e lograron unha importante vantaxe de 6-21 ao final do primeiro período. Sen embargo, a partir dese intre, os lucenses aumentaron o seu nivel de intensidade e verticalidade para pouco a pouco volver a meterse no partido.

A igualdade foise recuperando co paso dos minutos e chegouse ao último parcial cun Estudiantes de Lugo a piques de poñerse por diante nos últimos minutos. Sen embargo, os obradoiristas fixeron un gran esforzo defensivo que serviu para recuperar a iniciativa no xogo e pechar así o partido coa vitoria, cun marcador final de 64-72.

Pola tarde retomouse de novo a xornada co partido do terceiro e cuarto posto entre o Estudiantes de Lugo e o Instituto Rosalía. Nun partido igualado de principio a fin e no que os lucenses lograron levarse a vitoria nos últimos minutos.

O broche final chegaba as 19:30h, coa celebración da final entre o Tui Seta e o Obradoiro – Peleteiro. O partido arrancaba cun intercambio de canastas entre ambos equipos, cos de Tui xerando todo o seu xogo a partir do bloqueo directo, atopando espazo para o seu lanzamento exterior como castigando cos seus interiores nas proximidades do aro. Mentres tanto, os de Santiago mantíñanse no partido gracias ao seu xogo interior, pero con serios problemas para manter a solidez defensiva mostrada por momentos no partido de pola mañá. Chegouse ao descanso cun igualado 35-36 no electrónico e todo por decidir.

Nos últimos vinte minutos, o Tui Seta tratou de pechar o seu aro alternando defensas zonais coa súa defensa individual, poñendo en problemas por momentos aos obradoiristas. Sen embargo, co paso dos minutos, o Obradoiro-Peleteiro foise encontrando máis e máis cómodo e, gracias a un serio traballo en equipo, foron ampliando a vantaxe ata levarse a vitoria por un claro 65-92.

Fantástico broche a unha intensa pretemporada para os obradoiristas que revalidan o título do ano pasado e poñen xa a mirada no inicio dunha Liga Regular cun calendario que sorteará este luns na sede da Federación Galega de Baloncesto.